| Adxudicada a Operación de Prestámo dun Millón de Euros 
Os asuntos incluídos na Orde do Día do Pleno extraordinario da Corporación Municipal celebrado este venres, día 3 de setembro de 2010, todos eles relativos a cuestións económicas que afectarán ao financiamento de actuacións de investimento durante os próximos meses, foron aprobados por unanimidade por parte dos tres grupos con representación no Pleno.
Como asunto máis importante, acordouse adxudicar á entidade Caja de Ahorros y Pensiones de Barcelona, La Caixa, a operación de préstamo por un importe de un millón de euros. A oferta que presentou esta entidade, que indidca que o prazo de amortización será de oito anos cunha única cota anual e un tipo de xuro de Euríbor a 1 ano + 1,99%, foi a única das recibidas despois de que o Concello invitase a participar no procedemento a todas as Caixas de Aforros e Bancos con oficina no termo municipal da Laracha.
Esta cantidade dun millón de euros permitirá financiar as obras que se detallaron, posteriormente, na aprobación do expediente de crédito extraodinario-suplemento de crédito 02/2010, que son:
- Ampliación da rede de saneamento nas parroquias de Coiro (núcleos da Ferrulleira, O Coto e Os Muíños), Lendo (Bragunde, O Retorno, O Cruceiro), Lemaio (A Fontaíña e A Fraga) e Vilaño (Marfulo).
- Ampliación da rede de abastecemento nas parroquias de Erboedo (Reirís e O Igrexario), Coiro (O Cruceiro e Maseo-O Rapadoiro), Torás (substitución dun tramo de tubaxes no casco urbano da Laracha), Golmar (A Tabeira, A Pedra e Fonteseca) e Vilaño (Os Canedos).
- Substitución, reposición e instalación de novas luminarias, equipos de medida e armarios de iluminación pública no termo municipal.
- Novas acometidas e retranqueos de liñas eléctricas.
- Reposición de servizos nos núcleos de Estramil e O Campo.
- Financiamento das certificacións finais das obras de construción do novo edificio para uso administrativo, pavimentación de camiños en Golmar, Coiro e Montemaior, obras do POS 2009, beirarrúas en Paiosaco e na Laracha.
- Substitución e instalación de equipos termoeléctricos e de depuración na piscina municipal.
- Sinalización viaria e mantemento en beirarrúas.
- Obras na rede viaria municipal: Coiro (camiño de Ramisquido a Erboedo de Abaixo e estrada de Maseo a Loureiro), Cabovilaño (estradas A Lagarteira-Doldán e A Teixoeira-Vista Alegre), Erboedo (acceso aos núcleos de Paredes e Cendón), Golmar (vía do Igrexario á Xesta), Lendo (pista que une a estrada provincial con Escurido, estrada de Samiráns á Xesteira e acceso ao Igrexario), Lemaio (Proame-O Igrexario), Montemaior (pista desde a estrada provincial a Leborias, acceso a Nocellas, Balbís e Fieira, camiño de Cerqueiras ao Viso, O Raño-A Ferreira e os núcleos de Xestal e Batalo), Soandres (accesos ao Silvoso, Golán e O Corgo, así como estradas do Priorato ao cemiterio e núcleo de Currelos), Soutullo (camiño do Igrexario ás Cardosas) e Vilaño (accesos a Vilanova e a Quintáns, núcleo do Formigueiro e estrada A Piña-Marfulo).
- Expropiación dos terreos para a ampliación do camiño da Porta Santa ao Cruceiro (Lestón).
- Subministración eléctrica ao novo edificio para uso administrativo.
Por outra parte, a modificación do outro expediente de crédito (o 03/2010), tamén aprobado por unanimidade, permitirá reforzar as partidas económicas das subvencións a clubs deportivos, estudos e traballos técnicos, cursos culturais e deportivos e reparacións e mantementos en centros educativos e instalacións deportivas. As fontes de financiamento serán os maiores ingresos recadados sobre o previsto e tamén a baixa por anulación de determinadas partidas de gastos ás que, finalmente, non se deberá facer fronte nesta anualidade.
Modificación do plan económico-financeiro
A operación de crédito aprobada trae consigo a necesidade dunha modificación do Plan Económico Financeiro para os exercicios 2009 e 2010 (aprobado a finais do ano 2008) que tamén será proposta ao Pleno da Corporación.
O grupo de goberno propuxo esta modificación por considerala necesaria porque se producirá un incremento na necesidade de financiamento en termos de créditos definitivos e superará o importe máximo de endebedamento permitido polo citado Plan. Trala aprobación por parte do Pleno, incrementarase a duración do Plan Económico Financeiro por un ano máis, ata 2011, para volver durante ese período á situación de capacidade de financiamento.
Cambio de data do próximo Pleno e actuacións na piscina municipal
Aínda que se tratou dunha sesión extraordinaria sen posibilidade de presentar mocións, rogos ou preguntas, o Alcalde da Laracha informou á Corporación sobre outras dúas cuestións que non formaban parte da Orde do Día: as actuacións que se están desenvolvendo na piscina municipal tralo incendio que sufriu a instalación hai apenas dez días e tamén o cambio de data da próxima sesión ordinaria do Pleno por coincidir coa folga xeral convocada en España para o 29 de setembro.
En primeiro lugar, o Alcalde avanzou que a próxima sesión plenaria se retrasará ata o mércores día 6 de outubro.
No tocante á situación da piscina, José Manuel López Varela comunicou aos membros da Corporación e ao público presente que a instalación permanece precintada porque se continúan investigando cales puideron ser as causas do incendio. Unha vez finalice esa investigación, iniciaranse as labores de limpeza e desescombro, e será tras eses traballos cando poidan avaliarse máis profundamente os “moi cuantiosos danos” rexistrados, especialmente “nos vestiarios e na zona da sauna, na que todo fai indicar que se iniciou o lume”, así como nos condutos de aire e electricidade. O Alcalde avanzou que “con sorte, a piscina poderase abrir no Nadal” e que a intención é “poder xa contar coa nova sala de hidroterapia que se está construíndo”.
Por último, recordou aos usuarios que non abonen as cotas mentres non se restableza a actividade e asegurou que a empresa que xestiona a instalación non pasará os recibos ao banco a aqueles abonados que os teñan domiciliados.
| |
|
| O Alcalde Presenta o "Completo e Ambicioso" Obradoiro de Emprego 
“Un completo e ambicioso proxecto” que supón “unha forte aposta económica para a creación de emprego tanto por parte do Concello da Laracha como da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia”. Deste xeito presentou José Manuel López Varela, o alcalde do Concello da Laracha, ante os alumnos-traballadores e o persoal docente do Obradoiro de Emprego Laracha IV, un programa que principiará o mércores (1 de setembro) e a través do que se dará traballo remunerado a un total de 42 persoas, que durante doce meses realizarán obras públicas de interese para a poboación da Laracha, concretamente a creación de prazas xunto ás igrexas de Santiago de Vilaño e Santa María Madalena de Montemaior e o acondicionamento do entorno do mosteiro de San Pedro de Soandres.
Na xuntanza, desenvolvida nas instalacións da Casa da Cultura, estiveron ademais, en representación do Concello da Laracha Rocío López –concelleira de Emprego, Sanidade, Muller e Servizos Sociais- e Ana Carmen Jiménez -técnica responsable da axencia de emprego e desenvolvemento local do Concello-.
Os 34 alumnos-traballadores foron distribuídos en tres especialidades: cachotería, carpintería de madeira e xardinería. Tal e como lembrou o alcalde, durante o próximo ano, ao mesmo tempo que realizan as obras, “recibirán unha formación sobre a súa especialidade que lles permitirá traballar nun futuro en calquera empresa privada”, en clara alusión a un dos propósitos principais do obradoiro de emprego: a inserción no mercado laboral dos alumnos.
As outras oito persoas que formarán parte do programa serán unha directora, un mestre para cada unha das tres especialidades, unha titora, unha peón ordenanza-condutora, unha auxiliar administrativo e unha mestra en xestión empresarial.
O alcalde desexou sorte ao persoal e mostrou a súa confianza en que “o cuarto obradoiro de emprego do Concello da Laracha sexa un exemplo de xestión e execución das obras” e que volvan repetirse “as excelentes valoracións obtidas nos programas destas características desenvolvidos anteriormente no municipio”.
López Varela tamén quixo felicitar a todas as persoas que obtiveron a praza despois dun complicado proceso selectivo e afirmou que o Concello da Laracha continuará traballando para favorecer o emprego e procurará participar en programas que se convoquen desde outros administracións, especialmente a Xunta de Galicia.
Cabe lembrar que o programa do Obradoiro de Emprego Laracha IV está valorado nun total de 1.114.000 euros. O Concello da Laracha asumirá con fondos propios municipais o financiamento do 35% desa cantidade, isto é, uns 390.000 euros. A outra parte corresponderalle achegala á Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
| |
|
| A Piscina Municipal Permanecerá Pechada un Período de Tempo Indeterminado A instancias do goberno local do Concello da Laracha, durante a mañá deste venres, día 27 de agosto, xirouse unha primeira visita ás instalación do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha na que participaron o Alcalde do Municipio, José Manuel López Varela, o primeiro tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, o segundo tenente alcalde e edil responsable da área de urbanismo e obras públicas, Jesús Souto, axente e perito da compañía aseguradora e técnicos do Concello da Laracha. A finalidade foi realizar unha primeira inspección para avaliar os danos provocados polo aparatoso incendio rexistrado na noite do pasado mércores.
O Concello da Laracha, na súa intención de acelerar os traballos para rehabilitar, renovar os servizos afectados e volver a poñer a disposición dos veciños o antes posible esta instalación, iniciará o luns as labores relativas ao desescombro e limpeza das estancias afectadas, unhas tarefas que se pretenden axilizar o máximo posible.
Desde o Concello da Laracha darase puntual información aos veciños e usuarios sobre a evolución das actuacións que se desenvolvan tanto na prensa da zona como nos medios de comunicacións dixitais oficiais do municipio (na web www.concellolaracha.com e tamén no perfil da rede social facebook).
Dado que a empresa que viña xestionando o complexo deportivo da piscina municipal ten provisionalmente interrompida a explotación desta instalación por causa do sinistro, o Concello da Laracha comunica a todos os abonados que non fagan ningún ingreso das cotas mentres non se restableza o servizo. A aqueles aboados que teñan domiciliado o pago, instámoslles a que dean orde á súa entidade bancaria o antes posible para anular esa orde de ingreso.
Unha vez máis, desde o Concello da Laracha lamentamos profundamente o sucedido e volvemos solicitar comprensión aos usuarios da instalación prexudicados polo peche temporal da piscina e os seus espazos complementarios.
| |
|
| ITV Maquinaria Agrícola e Ciclomotores As unidades móbiles da inspección técnica de maquinaria agrícola e de ciclomotores visitarán A Laracha a mediados de setembro.
Na propia unidade móbil, que estará situada en todos os casos na rúa Manuel Murguía da Laracha (explanada do IES Agra de Leborís) asignarase a hora de atención sen necesidade de solicitar cita previa.
DATAS E HORARIOS
Inspección de maquinaria agrícola
- Mércores 15 de setembro: de 9.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.00.
- Xoves 16 de setembro: 9.00 a 13.30
Inspección de ciclomotores (de dúas rodas e máis de tres anos de antigüidade)
- Venres 17 de setembro: de 9.00 a 13.30 e de 15.30 a 18.00.
| |
| Hemeroteca: 2007 · 2008 · 2009 · 2010
|